www.canalriasbaixas.com
Galicia | 28/03/2018
https://www.canalriasbaixas.com/2018/03/28/a-nautica-galega-busca-sinerxias-en-portugal-e-andalucia/
Portos de Galicia afianza lazos con Portugal e Andalucía. O presidente do ente autonómico visitou varias cidades para promocionar o proxecto Ecodestin; unha iniciativa que une Galicia coa Rexión Norte do país luso. Ademais, José Juan Durán aproveitou a viaxe para visitar diferentes instalacións portuarias e coñecer de primeira man o seu funcionamento. Tamén para manter diferentes encontros con representantes da náutica portuguesa.
A aposta de Portos de Galicia pola náutica é imparable. O ente viaxou estes días a Portugal, co obxectivo de afianzar lazos e presentar as súas instalacións e propostas, principalmente dos proxectos Ecodestin e Capiten.
Onte presentaron a oferta da Xunta de Galicia no Clube Naval de Portimao ante un público formado por membros do propio clube, da cámara municipal e por representantes doutras entidades náuticas do Algarve.
A proposta de Portos de Galicia foi moi ben acollida polos representantes portugueses. Chamou especialmente a atención a idea de facer das escalas entradas ao patrimonio das diferentes zonas.
O traballo do ente autonómico non rematou no país luso. Hoxe tiñan previsto visitar os portos de Sotogrande, da Duquesa e o porto deportivo de Alcaidesa, en Andalucía, para continuar promocionando a ampla oferta náutica galega.