A Xunta impulsa a captación de clientes náuticos nas principais dársenas do Algarve portugués

www.galiciadiario.com
Galicia | 27/3/2018
http://galiciadiario.com/web/frontend_cargar_noticia.php?id_noticia=102623

A Consellería do Mar a través de Portos de Galicia está a traballar na captación de novos clientes náuticos procedentes de Portugal e concretamente da rexión do Algarve para as instalacións náutico-recreativas galegas. Con este obxectivo, o ente público desenvolve estes días varios actos promocionais nas principais dársenas deportivas do sur de Portugal para promocionar a oferta náutica de Galicia en países emisores de navegantes, como é o caso do sector náutico luso.

No marco do Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar e dos proxectos europeos Ecodestín e Capiten, para a promoción do sector náutico dos que o ente público é socio, o presidente do organismo portuario, José Juan Durán Hermida, encabezou dous actos informativos desenvolvidos hoxe para presentar a oferta náutica galega nas mariñas portuguesas de Portimao e Vilamoura.

Nestes eventos, Portos de Galicia presentou a proposta náutica galega co obxectivo de mostrar as súas vantaxes para o público luso e establecer contactos comerciais con institucións, asociacións e empresas de modo que se abran novas posibilidades de cooperación transfronteirizas no Arco Atlántico, como a creación dun cluster náutico atlántico, entre Galicia e Portugal. Durán Hermida reseñou que unha vez abertos mercados noutros países europeos como Francia, Gran Bretaña, Irlanda ou Alemaña, Portos pretende agora afondar no mercado portugués e especialmente na rexión do Algarve, a de maior actividade turística do país luso.

Socios no Ecodestín

Durante o desenvolvemento dos actos aos que acudiron representantes de cámaras municipais como a de Portimao; operadores e axentes do sector náutico do Algarve como o Club Naval de Faro e o de Lagos, representantes do sector turístico do sur de Portugal, e asociacións marítimas como Docapesca, Durán Hermida reiterou a oportunidade que os proxectos europeos Ecodestin e Capiten supoñen para a promoción do sistema náutico galego e a súa cooperación con rexións estranxeiras como o Algarve portugués. Neste sentido, lembrou tamén que Portos de Galicia xa está a traballar coordinadamente con entidades portuguesas no proxecto Ecodestin, onde o ente público participa asociado coa Rexión Norte de Portugal para a apertura de novos mercados náuticos.

O obxectivo principal do proxecto Ecodestín é diferenciar a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como destino singular náutico e deportivo integrador do importante patrimonio natural e cultural que existe arredor das rías e ríos galegos e portugueses. Así mesmo preténdese ofrecer esta rexión como un destino único, pese a estar integrado por dous países, de cara aos mercados internacionais como o alemán, o inglés, o escandinavo, o francés e o americano.

A proposta está liderada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan +), que participou tamén nos actos celebrados hoxe no Algarve e Portos de Galicia é a entidade pública con maior investimento, un total de case 540.000 euros sobre un proxecto global de 2,2 millóns.