Galicia contará con dous millóns de euros de fondos europeos para proxectos náuticos

http://www.galiciaconfidencial.com
Santiago de Compostela | 20/11/2017
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/66980-galicia-contara-millons-euros-fondos-europeos-proxectos-nauticos

O sector náutico galego contará cunha partida de dous millóns de euros de fondos europeos para investimentos en propostas locais a realizar no horizonte 2017-2020.

O sector náutico galego contará cunha partida de dous millóns de euros de fondos europeos para investimentos en propostas locais a realizar no horizonte 2017-2020.

Así o comunicou o presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+), Manuel Soliño, a máis dun centenar de representantes de navieras, empresas de chárter, empresas de actividades náuticas, portos deportivos, clubes náuticos e industria e comercio náuticos de toda Galicia, durante a presentación dos proxectos europeos Ecodestin, Sana e Capiten, nos que Galicia estará presente a través da asociación e a Xunta de Galicia.

O presidente de Agan+ destacou que o investimento que se destinará a Galicia supón «practicamente a metade dos fondos globais» que manexan estes proxectos e subliñou a importancia da unión do sector para facer da náutica galega un referente europeo.

Neste sentido, Soliño insistiu en que «só a través da unión do maior número de empresas e colectivos náuticos» baixo una mesma proposta, «poderán optimizarse as posibilidades que ofrece a nivel local a participación nestes proxectos internacionais».

Así, Soliño definiu 6 eixos de traballo entre os que destacou a creación dun Clúster Náutico Atlántico, encabezado pola rexión de Bretaña, referente internacional da náutica, e coa participación de 18 países membros do proxecto Capitén, «que será unha realidade en 2020».

Así mesmo, traballarase na creación de produtos náuticos específicos para colectivos con difícil acceso ao sector; definirase unha estratexia de eventos promocionais conxunta; avanzarase en investigación e desenvolvemento da industria náutica; crearase unha rede europea de cabotaxe e, por último, aproveitaranse os portos galegos como puntos de información turística.